Alexis Viéitez confirma o seu dominio e adxudícase a súa terceira Subida Cidade de Pontevedra consecutiva

Pontevedra
25 de xuño 2017

O piloto da escuadra Buxa Motor Poio foi o máis rápido en todas as magas oficiais da competición, que finalizou este domingo cunha gran xornada de motor no habitual percorrido de Marcón 

Entrega de premios XX Subida Cidade de Pontevedra
Entrega de premios XX Subida Cidade de Pontevedra / Diego Torrado

Non hai quen discuta a Alexis Viéitez no tramo da estrada de PIntos, en Marcón, por onde discorre tradicionalmente a Subida Cidade de Pontevedra de automobilismo.

O piloto da escuadra Buxa Motor Poio finalizou a primeira xornada da proba como líder, e este domingo confirmou o seu dominio sendo tamén o máis rápido nas últimas quendas da competición.

Desta forma, Viéitez suma a súa terceira vitoria consecutiva na Subida Cidade de Pontevedra e toma impulso na clasificación xeral do Campionato Galego de Montaña, onde defende título.

Segundo na clasificación xeral mantívose Jesús Pombo (Congostra Team Sanxenxo) a 4.632 segundos, mentres terceiro completando o podio final foi Jacobo Sobral (Silver Car) S2.

Consulta aquí a clasificación oficial completa da XX Subida Cidade de Pontevedra.

Espectáculo deron tamén Manuel Senra e Víctor Magariños na categoría de carrozados, sendo vencedor finalmente o primeiro deles aos mandos do seu Peugeot 306 Maxi.

Tras a proba, celebrada ao longo da mañá do domingo, a Praza de España acolleu a entrega de premios da proba automobilística organizada un ano máis pola Escudería Cidade de Pontevedra.