A luz empeza a asomar ao final do túnel para Alexis Viéitez, actual campión galego de montaña que o pasado 8 de xuño perdeu os seus dous vehículos e gran parte do seu material de competición no incendio do tráiler do seu equipo.
O piloto da Escudería Buxa Motor perdeu a Subida a Dumbría e viu perigar o seu futuro deportivo inmediato, pero tras moitos esforzos está a conseguir saír á boia.
Grazas ao apoio recibido con varias achegas na conta bancaria aberta para axudarlles e tamén grazas ao diñeiro conseguido coa venda de varios vehículos, entre eles un Legend Car preparado para montaña e gañador do campionato autonómico na categoría SCC, o equipo Viéitez Motor anunciou a adquisición dun novo coche de competición.
Trátase de Fórmula Dicode de Jesús Pombo, con quen se chegou a un acordo facilitando os pagos necesarios.
"Quero dar as grazas publicamente a Jesús Pombo porque sabe que neste momento despois dos gastos que tivemos para empezar a tempada con dous coches era complicado afrontar o pago doutro coche e todo o necesario para facer unha carreira", explicou a través das redes sociais do equipo Vicente Viéitez.
"Jesús o primeiro que me dixo foi colles o coche e todos os repostos e lévalo, tráesme o diñeiro que poidas e xa iremos facendo contas", revelou o pai do piloto.
Desta forma Alexis, que esta tempada gañara as probas de Marín e Oia e sumara un segundo posto na Saleta, ten previsto reengancharse ao Campionato Galego de Montaña os próximos 6 e 7 de xullo na Subida A Pontenova co obxectivo de pelexar polo que sería o seu cuarto título.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.