Amargo inicio de tempada para Melania Rodríguez na Copa do Mundo de Bakú

Pontevedra
20 de febreiro 2023

A ximnasta pontevedresa participou esta fin de semana nunha proba da Copa do Mundo de Ximnasia Trampolín, na que non puido clasificarse para a final

Melania Rodríguez, no Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín en Rimini
Melania Rodríguez, no Campionato de Europa de Ximnasia Trampolín en Rimini / Real Federación Española de Gimnasia

O primeiro evento internacional do ano no mundo da ximnasia acrobática celebrouse esta fin de semana en Bakú. Á capital de Acerbaixán desprazouse a ximnasta pontevedresa Melania Rodríguez para participar, xunto con outros cinco deportistas españois, na competición de trampolín, modalidade que será olímpica o próximo ano en París.

A prometedora deportista galega, que terminara o ano 2022 nun extraordinario estado de forma que lle levou a bater récords mundiais e a subirse todo o máis alto do podio en competicións continentais e mundiais, non puido ofrecer a súa mellor versión neste inicio de tempada e caeu eliminada na rolda preliminar.

A especialidade da pontevedresa é o dobre minitramp, pero como o trampolín é a disciplina olímpica, Rodríguez está a centrar todos os seus esforzos en adaptarse a este tipo de exercicio coa esperanza de conseguir o billete para os Xogos Olímpicos. Con todo, o ano 2023 non comezou da mellor maneira. A pontevedresa fallou nos seus dous intentos, non puido competir polo pase á final e tivo que conformarse co posto número 21 do ranking.

Aínda así, as aspiracións olímpicas da galega seguen intactas e tratará de ofrecer a súa mellor versión nos campionatos de Europa e do Mundo, nos que se repartirán os billetes para París.