Andalucía e Murcia coróanse na area de Silgar

Sanxenxo
17 de xullo 2016

O Campionato de España de Seleccións Autonómicas de fútbol praia concluíu este domingo en Sanxenxo coa disputa das finais, nas que se proclamaron campións Andalucía na categoría absoluta e Murcia na xuvenil

Campionato de España de Fútbol Praia en Sanxenxo

Sanxenxo acolleu este domingo as finais do Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Fútbol Praia para as categorías absoluta e senior.

Con elas púxose fin a dúas semanas de emoción e deporte en plena praia de Silgar, que encadeou este campionato coa recente Liga Europea.

Andalucía foi a vencedora do torneo na categoría absoluta, tras vencer na final a Murcia por 7-3, tras remontar o tanto inicial dos murcianos.

Galicia protagonizou un bo papel na competición, pero caeu eliminada en semifinais ante Murcia nun emocionante partido por 1-2.

Pola súa banda na categoría xuvenil foi precisamente o combinado murciano o gañador do campionato, ao impoñerse na gran final a Melilla por 6-2, nun choque máis apertado do que sinala o marcador final.

Nesta categoría o equipo galego foi eliminado por Melilla tamén en semifinais ao perder por 4-6.

A entrega de trofeos do Campionato estivo protagonizada por Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Gonzalo Pita, alcalde de Sanxenxo; Diego Martínez, presidente do Comité Nacional de Fútbol Praia da RFEF; Joaquín Alonso, seleccionador nacional; e Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol.