Andrés Sánchez renova e resolve unha das principais dúbidas do Cisne

Pontevedra
13 de xullo 2020

Coa continuidade do central pontevedrés o Cisne conta con 14 xogadores confirmados para o que será o seu primeiro proxecto na Liga Asobal de balonmán

Andrés Sánchez, no partido entre Cisne e Villa de Aranda no Pavillón Municipal
Andrés Sánchez, no partido entre Cisne e Villa de Aranda no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

O Club Cisne Balonmán e Andrés Sánchez estaban condenados a entenderse, pero a continuidade do pontevedrés foi unha das negociacións máis complicadas na planificación da próxima tempada do conxunto cisneísta, debido ao encaixe necesario para compatibilizar o rendemento deportivo do xogador coas súas obrigacións fóra da pista.

Con todo todo chegou a bo porto e Sánchez converteuse no 14º xogador confirmado no proxecto do Cisne para o seu debut na liga  Asobal.

"Foi unha das renovacións máis difíciles e á vez máis especiais que me tocou vivir", recoñeceu o central tras facerse pública a súa renovación.

"Despois dun ano a nivel deportivo inmellorable estou orgulloso de formar parte do máximo referente a nivel balonmanístico da cidade, como é o Cisne, e poder disputar a máxima competición a nivel estatal", sinalou sobre unha tempada que prevé "chea de dificultades, que temos que pelexar moito pero tamén poderemos gozar das pequenas cousas que nos veñen".

Coa continuidade de Andrés Sánchez o técnico Jabato asegúrase contar cun xogador diferencial en ataque, sumándose a un plantel na que xa figuraban David Chapela, Miguel Simón, Daniel Ramos, Álex Chan, Alejandro Conde, Álvaro Preciado, Pablo Gayoso, Dani López, Jose Leiras, Iván Calvo, Jorge Villamarín, Gonzalo Carró e Carlos Pombo.