O deporte consolídase un ano máis como un dos alicerces sobre os que se basea a promoción da cidade.
Así o defende o Concello de Pontevedra a través da empresa municipal Turismo de Pontevedra, afirmando que 2025 pecharase con até 92 eventos deportivos extraordinarios.
Esta cifra céntrase nos eventos promovidos ou apoiados polo Concello.
Todo iso cunha vintena de disciplinas deportivas representadas como natación, natación artística, atletismo, piragüismo, escalada, kárate, ximnasia, voleibol ou deporte adaptado.
Destaca na nómina de competicións os Mundiais Multideporte, con máis de 3.500 deportistas participantes de multitude de países.
Con todo desde o goberno local pon o foco nas decenas de campionatos galegos e nacionais "que propician o achegamento á cidade dun público familiar, un perfil de visitante tranquilo e pre-disposto a aproveitar o campionato para coñecer e gozar da cidade e contorna e que paseniño contribúe a consolidar á Boa Vila como un destino amable, sostible e inclusivo", afirma a concelleira de Deportes e ademais conselleira delegada de Turismo de Pontevedra, Anabel Gulías.
Gulías destaca ademais o papel que xoga o deporte na desestacionalización do turismo que chega á capital provincial, xa que "desenvólvense ao longo do ano, espallando a chegada de visitantes no tempo e contribuíndo a xerar actividade económica máis aló da tradicional tempada turística".
Xunto ao deporte base, moito destes eventos tamén para atletas sénior, chegan a un perfil que interesa a nivel turístico xa que "son xente que planifica as súas vacacións en función do evento, e que aproveitan os días tamén para coñecer e gozar de Pontevedra ou percorrer a provincia, ademais de converterse, en moitos casos, en embaixadores da cidade".
Máis aló das competicións xa celebradas, Pontevedra será sede até final de ano de eventos como a Copa de España de Natación en Augas Abertas, o Campionato de España Sprint Olímpico de piragüismo, o Torneo Pontevedra Internacional Junior U14 de tenis ou o Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de Taekwondo, entre outros.