O deporte non só vive de atletas de elite, senón que está sempre cheo de pequenas historias e lendas anónimas, que destilan esforzo e afán de superación e que supoñen todo un exemplo pola súa maneira de entender a vida e a actividade física.
Os recentemente clausurados Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon son unha boa proba diso. En Pontevedra deuse cita a flor e nata do tríatlon mundial, pero tamén centos de deportistas que nos grupos de idade achegaron o verdadeiro espírito deportivo do evento e deixaron momentos difíciles de esquecer.
Na Boa Vila competiron atletas desde os 15 aos 87 anos, e só un selecto grupo dos máis de 3.500 inscritos aspiraban a un fito ao alcande de moi poucos, converterse en 'Multisport Legend', un recoñecemento para o que era necesario completar polo menos cinco das probas que compuñan o Multisport.
Só 25 valentes o intenaron, e 20 deles conseguírono. Entre eles estaba un veciño de Pontevedra, Pablo Díaz Montero (grupo de idade 45-49), burelense afincado na Boa Vila desde fai máis dunha década e que plantexou o reto de completar na casa os mundiais de dúatlon sprint, dúatlon standard, dúatlon cros, acuatlón e tríatlon de longa distancia.
"Dende hai máis de 15 anos intento poñer algún reto cada ano, para ir adestrando todo ano. Eu disfruto do camiño, do adestramento, é unha forma de vida, de quitar o estrés. Xa estivera no Multisport de Pontevedra en 2019, fun ao de Almere en Amterdam en 2021, en ciclismo fixen carreiras nos Alpes, a Quebrantahuesos, varios Ironman por Europa ou o Triman das Pontes", explica a PontevedraViva aínda recuperándose do gran esforzo realizado e tras recibir un recoñecemento público na cerimonia de clausura.

"Para min, que son un amante de todos vos deportes, ver a cidade tan viva foi incrible. Fixen amizades de Zimbawe, de Estados Unidos, xente de Pontevedra que non coñecía... Foi todo moi chulo", relata.
"O máis duro foi o duatlón cros, pareceume durísimo", asegura, pero todo o compensou "que a xente se volcara dando ánimos".
Ademais, defende, "correr en Pontevedra é un luxo. Son un enamorado desta cidade, ten unhas condicións de vida brutais. De todas as cidades nas que vivín esta é a mellor, e a nivel deportivo podes practicar calquera deporte", destaca.
Pero Pablo Díaz, que compaxina a preparación destes retos coa súa vida laboral e familiar, quixo gozar todo o que puido do Multisport tentando "non perder ningunha proba das de elite". Aínda que recoñece que seguiu unha con especial atención e por riba das demais, sinalando cara ao acuatlón "sobre todo por ir a animar a Cristian Fernández que para min é unha referencia, foi o meu adestrador da piscina e foi adestrador dos meus nenos", revela.
Aínda por riba, no seu particular reto tivo tempo tamén para colaborar e tentar dar visibilidade á Asociación Española de Hiperplasia Suprarrenal Conxénita, á que incluíu nun traxe de tríatlon oficial. Un organismo que trata de dar apoio a familias e nenos que sofren esta enfermidade rara, e é que "eles si que son herores sen capa", asegura con humilidad este pontevedrés que gañou ser recoñecido como 'lenda' do tríatlon.
