Hora de facer balance da celebración do Mundial Multisport, que concluíu este domingo 29 de xuño. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e representantes da Federación Española de Tríatlon cualificaron o evento como un "éxito rotundo" en todos os ámbitos: deportivo, organizativo e de proxección territorial.
"Valoración fantástica en todos os sentidos. Éxito de organización, deportivo, e de proxección da cidade e das Rías Baixas, da provincia e de Galicia", asegurou Lores ante os medios, destacando a implicación colectiva e o bo funcionamento do operativo loxístico e de seguridade.
Con máis de 3.500 deportistas de 50 nacionalidades e 1.300 persoas implicadas na organización, a cidade converteuse en epicentro do tríatlon mundial. Participaron efectivos da Policía Local, Protección Civil, militares da Brilat, servizos técnicos, empresas contratadas e un sólido corpo de voluntariado que actuou como eixo fundamental da engrenaxe.
"Todo foi ben e houbo moitísima xente que permitiu que isto pasara", engadiu o alcalde, quen tamén subliñou a dificultade engadida de desenvolver as probas con temperaturas extremas, de até 37 graos, sen incidencias graves: "Capacidade de organización incríble. Todo o mundo botou unha man".
O seleccionador nacional Iñaki Arenal celebrou o rendemento do equipo español: 23 medallas entre as categorías elite, sub-23 e júnior, entre elas o ouro de Antonio Benito, residente en Pontevedra, en longa distancia, e a prata do galego Damián Suárez. "A selección española sentiuse como en casa", sinalou, aludindo ao ambiente acolledor e ao nivel das instalacións, tanto en Pontevedra cidade como en Verducido.
Júniors e novas promesas tamén destacaron, o que, segundo Arenal "augura un cambio xeneracional sólido". A implicación da contorna deportiva local, con nomes como Pablo Dapena e a presenza de grupos vinculados a Javier Gómez Noya, reforza esa visión de futuro, segundo indicaron os organizadores.
A magnitude do despregamento foi detallada con cifras que reflicten o alcance do evento. Colocáronse 5.200 valos, 1.000 conos, 40.000 metros de cinta de balizamento, 175 metros cadrados de pantallas LED, 21.000 botellas de auga, 14.000 pezas de froita, 30.000 vasos reutilizables e máis de 8.000 xeles e barritas enerxéticas.
No ámbito humano, ademais dos 1.300 implicados directos, houbo 462 voluntarios do programa Ofivol, 210 militares, 116 empregados públicos, 67 membros do staff de operacións durante os dez días de competición.
Jorge García, director de competicións da Federación Española de Tríatlon, enxalzou o nivel organizativo: "Pontevedra volveu a superarse. A posta en escena é inigualable. Aquí, as cousas fanse cun coidado que en moi poucos sitios vese. Pontevedra non falla".
García destacou tamén a participación cidadá, que malia a calor saíu ás rúas para acompañar os atletas e colaborar: "Hoxe Pontevedra vale máis que onte, e iso é co que temos que quedar", afirmou
O impacto mediático foi tamén notable: máis de 90.000 fotografías tomadas, nove horas de retransmisión en directo en Triathlon Live, 35 notas de prensa emitidas, e máis de 1,2 millóns de seguidores alcanzados a través de redes sociais, nacionais e internacionais.
Lores quixo recoñecer especialmente a implicación do comercio e a hostalaría local, citando a empresas como Froiz, que forneceu toda a intendencia para deportistas e persoal, e á panadaría Acuña que apostaron pola empanada galega como símbolo identitario: "A empanada galega non ten nada que envexarlle á pizza", explicou o alcalde.

Con vistas ao futuro, Lores confirmou que Pontevedra xa traballa na promoción da Serie Mundial, coa mirada posta en atraer triatletas de todo o mundo a ese evento que se celebrará en 2026.
"Imos facer un esforzo grande. Tentando que veñan triatletas de todo ou mundo. Probablemente iremos a Australia para que a xente se vaia inscribindo", sinalou.