Dez días de intensa actividade deportiva chegarán este domingo ao seu clímax en Pontevedra.
Os Mundiais Multideporte culminarán coa proba máis esperada e exixente do calendario, o Tríatlon de Longa Distancia.
A competición porá o punto final á cita que converteu á Boa Vila no epicentro do tríatlon, acollendo a case 4.000 deportistas de 44 países en diversas modalidades de dúatlon, tríatlon e acuatlón.
Pero este domingo todas as miradas estrán postas na 'TriArmada' española, formada por Judith Corachán en categoría feminina, e Antonio Benito, Jordi Montraveta, Guillem Montiel e Mikel Ugarte, en categoría masculina.
Antonio Benito perfílase como o gran favorito para revalidar o seu título de campión do mundo de Longa Distancia, logrado en Townsville en 2024. O triatleta de Tomelloso chega nun momento de forma excepcional e liderará á Selección española, considerada a máis potente na liña de saída.
Tamén hai que ter en conta aos seus compañeiros de equipo, como son Guillem Montiel, campión de Europa de media distancia, que chega tras unha recente vitoria en Zarautz; Mikel Ugarte, sexto en Lanzarote na última edición; e Jordi Montraveta, debutante coa Selección, atravesa un gran momento tras ser segundo en Lanzarote.
Montiel destacou que o terreo de Pontevedra "coñecémolo ben e xogamos coa pequena vantaxe de correr en casa e ter o público ao noso favor", sinalando que "a parte máis complicada será a parte de costa, a favor dos que son máis técnicos" e que a calor "decidirá un pouco como irá a proba".
Para Ugarte a emoción estará en "competir na casa" e quere que haxa "moita xente animando aos corredores e si pode ser un pouco máis a nós, mellor", facendo fincapé na necesidade de "dosificarse desde o principio" pola lonxitude e a calor.
No caso de Montraveta, tamén expresou a súa esperanza de que o público se converta nunha baza e a "moitísima ilusión" que lle fai debutar coa selección nunha competición como esta.
Antonio Benito, o vixente campión, anticipou un circuíto duro polas condicións, aínda que entretido, e advertiu que "correremos sobre as 13:00 a 30 graos. Na Illa das Esculturas o sol pega bastante e polo centro da cidade serán subidas e baixadas, levaremos 4 horas e pico de proba e vaise a facer bastante duro. De pasarte un pouco na bici págase correndo", sinalou.
Na categoría feminina, Judith Corachán é a única representante española. Subcampioa do Mundo en Pontevedra en 2019, atópase no grupo de favoritas con aspiracións a todo.
Recoñeceu que "o nivel é moi alto" e que esta será a súa "última carreira como profesional", polo que espera "gozar moitísimo da carreira e que nos vaia a todos xenial".
As súas principais rivais serán a polaca Marta Lagownik, vixente campioa do mundo, e a francesa Pierre Marjolaine, ouro en Eivissa 2023. A italiana Marta Bernardi tamén se postula con opcións de podio.
O segundo fin de semana de competicións arrinca este venres co Campionato do Mundo de Acuatlón a partir das 18:30 horas (categoría elite), onde competirá o pontevedrés Cristian Fernández.
A presentación da 'TriArmada' española celebrouse no Concello de Pontevedra en compañía do seleccionador nacional Iñaki Arenal; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; José Hidalgo, presidente da Federación Española de Tríatlon; Javier Campos, presidente da Federación Galega de Tríatlon; e Antonio Álvarez, vicepresidente de World Triathlon.
