Antía García pecha o Mundial de Salvamento cunha medalla de bronce

Umia
30 de setembro 2022

A deportista caldense do Club Acuático Umia subiu ao podio mundialista na proba da remuda 4x50 mixta do campionato celebrado na localidade italiana de Riccione

Antía García (segunda pola esquerda) tras conseguir o bronce no Mundial de Salvamento en Riccione
Antía García (segunda pola esquerda) tras conseguir o bronce no Mundial de Salvamento en Riccione / Real Federación Española de Salvamento y Socorrismo

O deporte caldense volve festexar unha medalla mundialista da man da súa nadadora Antía García.

A representante do Club Acuático Umia, que esta tempada xa brillara nos World Games, pechou a súa participación no Campionato do Mundo Absoluto de Salvamento e Socorrismo disputado na localidade italiana de Riccione cunha medalla de bronce.

É a súa segunda presea mundialista tras a conseguida en 2018 en Australia.

Nesta ocasión Antía subiu ao terceiro chanzo do podio na remuda 4x50 mixta, facendo equipo con Marc Sánchez e Pau Beltrán (Alcarreño de Salvamento) e Nuria Payola (Aldaia).

Ademais a deportista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva asinou o quinto posto nos 100 metros rescate con aletas, a só 5 décimas das medallas.

Nos próximos días o Mundial de Salvamento terá continuidade coas probas de praia, nas que Antía García participará en varias remudas.