Grandes noticias para a armada pontevedresa nas primeiras finais do Campionato de Europa Piragüismo Sprint e Paracanoe disputado na localidade portuguesa de Montemor-o-Velho.
E é que a embarcación mixta formada por Antía Jácome e Manuel Fontán xunto a Viktoria Yarchevska e o madrileño Diego Domínguez alzouse coa medalla de ouro na final de C4 500 deste sábado ao cruzar a meta nun tempo de 1:38.098
Fixérono nunha emocionante proba que terminou co equipo alemán en segunda posición a só 0,060 da canoa española e cos húngaros, máis descolgados, no terceiro chanzo do podio.
En canto ao resto de padeeiros pontevedreses cabe destacar o quinto posto da propia Antía Jácome na final do C1 200 e a novena praza de Pablo Crespo na final do C1 1000.
En total, o equipo español sumou un total de dous ouros e tres pratas nesta primeira xornada de finais entre as que tamén destaca a segunda posición de Pablo Graña.
O cangués protagonizou unha apretadísima final do C1 200 na que a photo finish deu por gañador ao ruso Syinarev por só 0,075 segundos.
A xornada do domingo pode deparar máis éxitos para os padeeiros lerezanos xa que Manuel Fontán repite na final do C2 500 xunto a Diego Domínguez.
Tamén será a quenda de Carolina García, que pelexará pola medalla en K2 500 xunto a súa parella Nerea García e de Jaime Duro, que pechará a participación local a primeira hora da tarde na gran final do C1 5000.