Antía Pérez empeza a conta atrás na súa recuperación tras ser operada con éxito da súa lesión de xeonllo

Poio
19 de novembro 2019

A futbolista do Poio Pescamar foi sometida este martes en Vigo a unha intervención cirúrxica pola rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo dereito. A operación foi segundo o previsto, confirma o club

Antía Pérez, tras ser operada no hospital vigués de Fátima
Antía Pérez, tras ser operada no hospital vigués de Fátima /

Despois dun mes de espera, ante a incerteza inicial do seu diagnóstico e os trámites posteriores para fixar a operación, Antía Perez foi intervida cirurxicamente da rotura do ligamento cruzado que sufriu no seu xeonllo dereito.

A futbolista do Poio Pescamar foi operada este martes no hospital vigués de Fátima. A intervención, a cargo do Dr. Galán, resultou un éxito e segundo o previsto, confirma o club vermello.

Desta maneira Antía, que a pasada campaña xa superou unha lesión de igual gravidade pero na súa outra perna, pode empezar a descontar os días para a súa volta ás canchas de xogo.

Aínda que dependerá moito da súa evolución, o tempo estimado de baixa para unha doenza desta magnitude sitúase entre os 6 e os 8 meses, o que fará que se perda a tempada.

Desta forma a ourensá, internacional en categorías inferiores e que renovara no verán por dúas campañas, non regresará ao equipo ata o próximo curso.