A Comisión Permanente da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte tomou a decisión de declarar como partido de alto risco o primeiro partido de 2026 do Pontevedra Club de Fútbol.
Será en concreto o duelo de rivalidade autonómica contra o Racing de Ferrol, correspondente á xornada 18 de liga en Primeira RFEF.
O encontro disputarase o sábado 3 de xaneiro ás 16.30 horas no Estadio Municipal de Pasarón, coa previsión de que se produza un importante desprazamento de afeccionados visitantes.
A medida foi comunicada xa de maneira oficial aos dous clubs implicados.
A declaración de alto risco para o encontro suporá un importante reforzo do dispositivo de seguridade previsto, así como a adopción de medidas extraordinarias.
Entre esas medidas de prevención destaca a separación de afeccións, polo que todos os seguidos do Racing de Ferrol deberán situarse na mesma zona (previsiblemente ese lugar será o Fondo Sur).
Ademais deberanse adoptar medidas de seguridade adicionais no sistema de venda de entradas, polo que os despachos de billetes de Pasarón non abrirán o día do encontro.
Tamén se prestará unha maior atención aos controis de acceso ao estadio.