Antiviolencia multa con 3.500 euros a un seguidor do Pontevedra por "agresión a un afeccionado" en Ponferrada

Pontevedra
06 de abril 2017

O castigo imposto pola Comisión Estatal Contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte establece ademais a prohición ao afeccionado de acceder a recintos deportivos por un período de seis meses

Pequeno altercado na bancada de afeccionados do Pontevedra no Toralín Dani Quiteiro / www.infobierzo.com

Un afeccionado do Pontevedra foi multado polo seu comportamento nas bancadas do estadio do Toralín, en Ponferrada, durante o choque do pasado domingo 2 de abril entre a Ponferradina e o club granate.

Unha vez examinado o informe do coordinador de seguridade do encontro a Comisión Estatal Contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte, reunida este xoves, estableceu unha multa de 3.500 euros ao seguidor pontevedrés en cuestión por "agredir a un afeccionado".

Ademais por este mesmo motivo se lle prohibe o acceso a recintos deportivos por un periodo de seis meses.

O altercado, ocorrido na grada ocupada pola afección granate desprazada a Ponferrada, "fixo necesaria a intervención dos funcionarios", explica a resolución de Antiviolencia en relación á Policía Nacional que controlaba esa zona do estadio.