Antonio Bello chega a Pontevedra convencido de "luchar por algo más bonito que la permanencia"

Pontevedra
22 de xaneiro 2016

O extremo gaditano comprométese co club granate ata final de tempada. Clave na súa decisión de recalar na cidade de Lérez foi o "proyecto deportivo ilusionante" do club e os consellos de Ramón Verdú, futbolista do primeiro plantel pontevedrés co que comparte unha estreita amizade

Antonio Bello na súa presentación como xogador do Pontevedra PontevedraViva

O novo futbolista do Pontevedra. Antonio Bello, aterra na casa granate coa lección ben aprendida, situando o "objetivo prioritario" na permanencia, pero coa idea de que "después podemos luchar por algo más bonito".

Así o explicou na súa presentación oficial, no Estadio Municipal de Pasarón, na que recoñeceu elixir a proposta pontevedresa polo "proyecto deportivo ilusionante" do club.

Bello contaba con varias propostas tras desvincularse do UCAM Murcia, pero elixiu a granate polas súas aspiracións, polo interés demostrado por Roberto y el míster" e, sobre todo, pola opinión dun dos integrantes do primeiro plantel do Pontevedra, Ramón Verdú, ao que lle une unha estreita amizade.

"Creo que aquí voy a estar muy a gusto, me tengo que acostumbrar al clima pero es lo de menos", explicou o extremo, que se decidiu a saír do UCAM tras perder este ano a titularidade por mor dunha lesión muscular e vendo que na segunda volta ía contar con poucas oportunidades.

Antonio Bello: "Espero ganarme la renovación"

Como a maioría de xogadores granates, Antonio Bello comprométese co club ata final de tempada, aínda que  "espero ganarme la renovación", sinalou en rolda de prensa.

O novo futbolista está en disposición de debutar esta mesma fin de semana en Tudela se Luisito o considera oportuno.

DÚAS OPCIÓNS PARA A DIANTEIRA

Lonxe de dar o persoal por pechada, a dirección deportiva segue a traballar en pechar a chegada dun dianteiro, que supoñería a terceira fichaxe do mercado invernal. "Hemos reducido el abanico", recoñeceu Roberto Feáns, a só dúas opcións, aínda que a operación non se pechará previsiblemente ata a próxima semana.

En canto ás saídas, aínda que se valorou a cesión dalgún dos integrantes do primeiro equipo, agora mesmo "no nos planteamos" a marcha de ningún futbolista, asegurou o responsable da parcela deportiva.

A ASEMBLEA DO CLUB, O 1 DE MARZO

A presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, aproveitou a presentación de Bello para confirmar a data da asemblea xeral ordinaria da entidade, que se celebrará o próximo 1 de marzo ás 20:00 horas, en primeira convocatoria, no Teatro Principal.