Antonio Montoro, un central para pechar a defensa do Pontevedra

Pontevedra
05 de agosto 2025

O club granate confirmou este martes a contratación do defensor madrileño, de 28 anos, procedente do Hércules de Alicante. Un reforzo co que dá por pecha a súa liña defensiva

Antonio Montoro, co Hércules Hércules de Alicante CF

Décima fichaxe do Pontevedra Club de Fútbol, que este martes confirmou a contratación de Antonio Montoro.

Coa chegada do madrileño, de 28 anos de idade, os granates dan por pecha a liña defensiva do equipo.

E é que Montoro pasa por ser un defensa central con ampla experiencia na Primeira RFEF, categoría na que competiu no catro últimas tempadas en Internacional de Madrid, Real Unión e Hércules, sempre coa bitola de titular.

Procede do último deses equipos, o Hércules, co que a pasada campaña disputou 35 encontros, 32 deles partindo desde o once inicial.

Na súa etapa de formación pasou tamén polas canteiras de Granada e Atlético de Madrid, chegando a ser internacional sub-17 con España.

Montoro súmase a unha lista de fichaxes na que xa figuraban Dani Selma, Nico Conesa, Pablo Hervías, Adrián Expósito, Juanra, Alain Ribeiro, Marqueta, Miki Bosch e Víctor Eimil.

Coa súa chegada, e a tenor do explicado nos últimos días por parte do adestrador Rubén Domínguez, o Pontevedra céntrase agora no mercado en perfís máis ofensivos.

En concreto faltaría incorporar, como mínimo, un centrocampista e dous atacantes, demarcacións para as que soamente quedan xa dispoñibles dúas fichas de categoría sénior.

O resto de movementos que se produzan terá que chegar desde o mercado de futbolistas sub-23, co Pontevedra aberto esta vez á vía da cesión desde equipos de superior categoría.