Ao Froiz resísteselle o triunfo

Pontevedra
15 de marzo 2016

Joao Araújo foi cuarto en Trofeo Concello de Zamora e Pedro Merino sétimo no prestixioso Trofeo Iberdrola, celebrado tamén na provincia castelán-leonesa

Ciclista do Froiz durante o Trofeo Iberdrola en Zamora
Ciclista do Froiz durante o Trofeo Iberdrola en Zamora

Rozou o triunfo o Grupo Deportivo Supermecados Froiz na dobre cita da fin de semana en Zamora, pero ao equipo dirixido por Evaristo Portela resísteselle polo momento a vitoria.

Joao Araújo finalizou cuarto no Trofeo Concello de Zamora, nunha proba decidida ao sprint. O ciclista do Froiz pelexaba polo triunfo, pero acusou un erro a falta de 500 metros no paso por unha rotonda.

Só un día despois, tamén na provincia zamorana, o equipo pontevedrés participou no prestixioso Trofeo Iberdrola, unha das principais clásicas do ciclismo elite e sub-23 nacional.

A carreira tivo claro acento galego. Despois de que o pelotón neutralizase a escapada do día, formouse un grupo de sete corredores que tamén foi cazado a falta de poucos quilómetros da meta por un reducido pelotón, no que se atopaba Pedro Merino.

O corredor do Froiz foi finalmente sétimo nunha trepidante chegada, a cinco segundos do vencendor, o ciclista do Aluminios Cortizo Jorge Montenegro, mentres Aser Estévez (Rías Baixas) foi cuarto co mesmo tempo que o gañador.

A Semana Santa detén agora o calenadrio competitivo, que se retomará en abril con importantes citas como o Memorial Valenciaga ou a Clásica de Pascua en Padrón, nas que a escuadra alimenticia buscará o primeiro triunfo do ano.