Ao redor de 700 persoas practicarán o xaque mate esta fin de semana na cidade

Pontevedra
21 de maio 2018

Xadrez na rúa e PonteXadrez van celebrarse os días 25 e 26 de maio na praza de España. Entre outras actividades, vai desenvolverse unha exposición sobre os campamentos no campo de refuxiados sirios en Xordania, coa presenza de membros de ACNUR 

Presentación do IX PonteXadrez
Presentación do IX PonteXadrez / Paula Sanmartín

Durante as xornadas do venres 25 e o sábado 26, as pezas brancas e negras do xadrez encherán a praza de España en Pontevedra con motivo de dous actos organizados pola Escola de Xadrez de Pontevedra e o Concello.

O venres está previsto que ao redor de 400 escolares participen na oitava edición de Xadrez na rúa, unha cita con este deporte na que volverá a estar presente a solidariedade cunha exposición dos debuxos do concurso deste evento e unha exposición sobre os campamentos que a escola pontevedresa de xadrez desenvolve no campo de refuxiados sirios de Arqaz en Xordania. Durante esa xornada estarán presentes membros da asociación ACNUR.

Ademais van recollerse alimentos non perecedoiros para o comedor social de San Francisco.

Ao longo da tarde levarase a cabo un obradoiro de aprendizaxe de xadrez para diferentes niveis, tal e como comentaba Daniel Rivera, presidente da Escola de Xadrez de Pontevedra, na presentación destes eventos acompañado pola concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

O IX Torneo PonteXadrez vai desenvolverse durante o sábado 26 coa presenza de preto de 300 xogadores procedentes de toda Galicia, Asturias, Castela-León e Portugal. Iniciarase ás 11.00 horas con torneos para sub8, sub10, sub12, sub14 e absoluto.