Ao Teucro fállanlle as forzas no tramo final e cae en Logroño (31-27)

Pontevedra
12 de febreiro 2019

Boa imaxe dos azuis, que tras unha notable primeira metade lograron ir ao descanso con vantaxe de 13-16, pero que acusaron o cansazo de xogar dous partidos en só catro días e terminaron cedendo ante o potencial do cadro rioxano

Partido entre BM Logroño e Teucro Club Balonmano Ciudad de Logroño

Boa imaxe da Sociedad Deportiva Teucro na Rioxa, o que non lle bastou para sumar algún punto na pista do BM Logroño nun partido adiantado pola participación dos locais en competición europea.

Os azuis acusaron o cansazo de disputar dous encontros en tan só 4 días, pero puxeron en verdadeiros problemas aos rioxanos, especialmente nunha sobresaliente primeira metade.

Sinalaba na previa Luís Montes que tan pouco descanso limitaba a un persoal curto como a pontevedresa, pero o certo é que non se notou ese hándicap no inicio do choque, que comezou igualado e cos teucristas moi metidos (6-6).

Despois de tres minutos sen anotar, o adestrador local pedía tempo morto buscando axustar aos seus, con 6-7, pero non funcionou e si tivo continuidade a melloría defensiva das últimas semanas no Teucro, que ademais mellorou a efectividade ofensiva para abrir a primeira renda importante (6-10), superado o ecuador do primeiro acto. Entrouse entón nunha fase de alternativas, cos locais que chegaron a reducir a un tanto a desvantaxe (10-11) antes de que os azuis volvesen render para recuperar os catro tantos (10-14).

Ao descanso chegouse cun esperanzador 13-16, pero o paso polos vestiarios serviu de revulsivo para o Logroño e nada máis volver á pista conseguían igualar o marcador. A reacción non quedou aí e a mellora no seu rendemento, unido ao desgaste nos pontevedreses, facíalles tomar a dianteira ata un 22-20 que obrigaba a Luís Montes a parar o xogo.

Funcionou inicialmente e o Teucro meteuse de novo no partido cun sete metros transformado por Cutura e un gol de Samu Gómez que poñía as táboas con 13 minutos por xogarse, aínda que enseguida os locais volveron coller dous goles de vantaxe e xa non quedaron aí. Pese á coraxe e o esforzo para non perder corda, o Logroño chegou máis fresco ao tramo decisivo e terminou levando os puntos ao vencer por 31 goles a 27.

SD TEUCRO (27): Santana, Samu Gómez (3), Cutura (6, 2p), Gehrhardt (3), Fischer (5), Domingo Luis, Sergio Pérez (7) -siete inicial- Poveda (3), Moyano, Rial, Piovarczk, Bela, Cangiani, Diego Prada, Samuel Pereiro, lloria.

Árbitros: Ignacio Pascual Sánchez e Carlos Luque Cabrejas. Excluíron a Sánchez-Migallón no Logroño e a Fischer (2), Poveda e Gehrhardt no Teucro.

Marcador cada cinco minutos: 2-3, 5-5, 6-10, 10-11, 12-14, 13-16, descanso, 17-18, 19-19, 22-20, 25-23, 27-25, 31-27.

Incidencias: Partido da xornada 18 da Liga Asobal disputado no Palacio dos Deportes de La Rioja.