"Tres non son multitude" para o Teucro

Pontevedra
18 de febreiro 2019

O conxunto pontevedrés quere lograr un bo ambiente o vindeiro sábado 23 no encontro ante o Anaitasuna e habilitou unha promoción para que os seus abonados poidan retirar entradas a prezo reducido

Partido entre Teucro e Alcobendas no Municipal
Partido entre Teucro e Alcobendas no Municipal / Diego Torrado

A Sociedad Deportiva Teucro é consciente de que se atopa nunha fase decisiva da tempada se quere pelexar pola permanencia na Liga Asobal, e por iso busca todo o apoio posible.

O club pontevedrés quere que o Pavillón Municipal dos Deportes empuxe ao equipo para conseguir unha importante vitoria o vindeiro sábado 23 de febreiro (20:30 horas) ante o Anaitasuna, duodécimo clasificado con 14 puntos polos 9 que acumula o Teucro ocupando a primeira das prazas de descenso.

Con esa idea a directiva azul elaborou a campaña promocional "Tres non son multitude", pola que se habilitarán importantes descontos nas entradas das que se poderán beneficiar os abonados da entidade.

A campaña en cuestión permitirá aos socios e socias retirar ata dúas entradas para o partido por 5 euros (2,50 euros cada unha delas).

Na cita o Teucro buscará o seu segundo triunfo consecutivo na casa para tentar saír, polo menos momentaneamente, das dúas últimas prazas superando ao Cangas se non consegue puntuar en Valladolid.