O Teucro salva 'in extremis' unha sanción por falta de pagamento de arbitraxes

Pontevedra
19 de febreiro 2019

O club azul tiña de prazo ata este martes para pagar unha débeda de 7.150 euros do fondo arbitral para evitar a suspensión do partido ante Anaitasuna e que se lle dese por perdido. A falta de liquidez viuse agudizada nas últimas semanas, entre outras causas, polo atraso nas subvencións municipais

Carlos García-Alén, na asemblea do Teucro
Carlos García-Alén, na asemblea do Teucro / Mónica Patxot

Sobre a bucina. A Sociedad Deportiva Teucro apurou ao límite o prazo dado polo Comité de Competición para saldar a débeda que a entidade arrastraba en relación ao fondo arbitral e evitar así unha sanción deportiva.

O organismo reitor da Real Federación Española de Balonmán fallou na súa reunión do 13 de febreiro que se o club pontevedrés non pagaba as arbitraxes que adebedaba o partido da Liga Asobal do sábado 23 de marzo ante Anaitasuna sería suspendido e o seu resultado sería de derrota por 0-10.

O tempo para pagar vencía este martes, catro días antes do choque, e ao longo da mañá o Teucro puido reunir o diñeiro e enviar as certificacións correspondentes.

"Estamos más tranquilos", recoñeceu a PontevedraViva o presidente da entidade, Carlos García-Alén, salvada a situación sobre unha débeda que ascendía a 7.150 euros e correspondíase concretamente a catro arbitraxes.

Carlos García-Alén: "Esta vez nos ha pasado a notros pero le podía haber pasado a cualquier club de la ciudad"

"Desde principios de diciembre nos hemos quedado un poco cortos de liquidez", sinala o dirixente tras conseguir cobrar unha partida dun patrocinador e cubrir xunto á súa directiva o resto do adebedado.

A esta situación chegouse, entre outras causas, polo atraso no cobro de axudas, xa que "entre octubre y noviembre teníamos el compromiso del Concello que nos ingresaban la subvención de 2017", explica García-Alén, pero esa circunstancia non se produciu aínda.

Entre esa axuda municipal e a correspondente a 2018 suman preto de 60.000 euros cos que "estaríamos equilibrados para llegar a final de temporada sin sobresaltos", asegura o presidente teucrista. De todos os xeitos esperan poder dispoñer da primeira desas axudas en abril xunto a outra da Deputación que acabarían cos problemas de liquidez actuais.

Aínda que o dirixente é consciente que "eso no quita que desde los clubes tengamos que movernos para ingresar dinero de patrocinadores privados", cre que se trata dunha situación que "esta vez nos ha pasado a notros pero le podía haber pasado a cualquier club de la ciudad".