O calvario económico que está a vivir esta tempada a Sociedad Deportiva Teucro, agravado polo atraso acumulado nas axudas públicas esperadas, parece non ter fin.
O Comité Nacional de Competición sancionou a 32 clubs por unha "infracción grave", sinala na súa resolución, derivada da falta de pagamento das cotas, sancións, fianzas e demais obrigacións económicas ocasionadas pola participación en competicións oficiais.
Nesta lista aparecen varios clubs que participaron esta campaña na máxima categoría e noutras, sendo o Teucro o segundo cunha maior débeda, fixada en 11.528 euros, só superada pola do Club Balonmán Camariñas (20.909,60 euros). Ademais aparecen na resolución equipos como o Balonmán Cangas (9.365 euros), Academia Octavio (6.835 euros) ou Chapela (3.960 euros), xunto a equipos de Asobal como o Alcobendas (3.690 euros), Ciudad Encantada (1.979,94 euros), Sinfín (1.850 euros), Granollers (479,99 euros) e Ademar León (440 euros).
O Teucro ten que abonar a débeda antes do 15 de xuño
O castigo, ameaza o organismo da Real Federación Española de Balonmán, é "a prohibición da inscrición dos seus equipos en calquera categorías da competición estatal para participar en competicións oficiais na tempada 2019/20", aínda que esta sanción, explica, poderá ser deixada sen efecto no momento que se acredite estar ao corrente do pago dentro do prazo que se lle concedeu ao club, é dicir, o 15 de xuño.
"Hay que buscar una solución", recoñece o presidente teucrista, Carlos García- Alén, que se mostra en todo caso confiado de poder cumprir coa obrigación no prazo establecido se, como parece, cobran nos próximos días algunhas das subvencións pendentes.
"Cuento con que entren sí o sí antes del 15 de junio para solventar el problema", sinala, xa que a entidade ten comprometidos preto de 80.000 euros de axudas públicas cos que "solventaríamos los problemas que nos agobian". Refírese sobre todo ás subvencións municipais (unha delas correspondente á tempada 17/18 foi xa aprobada a falta de cobranza) e á correspondente á Fundación Deporte Galego que "siempre entraba en abril-mayo".
DENUNCIA DE XOGADORES
Os problemas económicos tamén afectan ao plantel teucrista, con quen existe un compromiso para poñer os pagos ao día para mediados do mes de xuño, coincidindo coa obrigación imposta agora polo Comité de Competición.
A pesar diso, tres xogadores presentaron nas últimas datas denuncias por falta de pagamento (Carlos Gehrhardt, Samu Gómez e Ismael Bela), aínda que segundo confirma o club son casos que xa se solucionaron.