A Sociedad Deportiva Teucro pechou a súa primeira fichaxe para a tempada 2019-2020. Segundo informou o club, trátase do francés Christopher Corneil, unha primeira liña de 26 anos, que chega procedente do Caen, equipo da Proligue de Francia.
Corneil, que asina por dúas tempadas, pode xogar en todos os postos da primeira liña e defínese como un xogador desequilibrante e vertical.
A pasada tempada, na Segunda División Francesa, meteu 64 goles en 20 partidos.
O novo xogador azul, de 1,82 metros e 76 quilos, convértese así no primeiro reforzo para afrontar o regreso á División de Honra Prata.
O adestrador do Teucro, Luís Montes, destacou a potencia física da primeira liña francés, que ten "un excelente salto e un bo lanzamento", polo que ademais do desequilibrio "que nos ofrece co seu bo un para un" dará ao equipo pontevedrés un "importante" lanzamento exterior.
BAIXA DE JAVI SANTANA
Ademais desta fichaxe, o Teucro anunciou que o porteiro canario Javi Santana, que no verán de 2016 regresou á disciplina teucrista, abandonará o club despois de non chegar a un acordo para ampliar o seu contrato.