Ferrán Cisneros convértese na terceira fichaxe do Teucro

Pontevedra
10 de xuño 2019

O central catalán, de 20 anos, chega procedente do Sant Martí Adrianenc co que debutou na División de Honra Prata. Firma polo club pontevedrés por unha tempada

Ferrán Cisneros, nun partido co Handbol Sant Martí Adrianenc
Ferrán Cisneros, nun partido co Handbol Sant Martí Adrianenc

A Sociedad Deportiva Teucro esfolla a margarida e avanza con paso firme na composición dun plantel co que aspira a pelexar polos primeiros postos a próxima tempada na División de Honra Prata.

O conxunto pontevedrés con,firmou este luns a súa terceira fichaxe para a próxima campaña, o do catalán Ferrán Cisneros.

O central, de 20 anos de idade e formado na canteira do FC Barcelona, chega a entidade azul tras debutar o curso pasado na División de Honra Prata co Sant Martí Adrianenc.

Na tempada recentemente finalizada, Cisneros xogou 28 partidos anotando 82 goles.

"Vén de facer unha boa tempada en Prata e coa experiencia gañada en canteiras tan importantes como a do Barcelona e a do Granollers", asegura Luís Montes, que espera del que achegue certa versatilidade xa que é "capaz de xogar tamén nos dous laterais e que destaca pola súa capacidade na dirección, xogando ben co pivote e facilitando o labor dos seus compañeiros", sinalou o técnico.

Ferrán Cisneros asina por un ano co Teucro e únese a un plantel na que xa figuran Vicente  Poveda, Andrés  Moyano, Domingo Luís,  Samu Pereiro,  Christopher  Corneil e Federico  Wermbter.