Aposta pola xuventude nun Supermercados Froiz con 11 novas incorporacións

Pontevedra
16 de febreiro 2022

"Vai ser o equipo máis novo da historia do Froiz, o maior ten 23 anos", defendeu este mércores o seu director Evaristo Portela nunha recepción da  Deputación de Pontevedra a poucos días de iniciar a que será a súa 34ª tempada no pelotón ciclista nacional

Recepción na Deputación ao Grupo Deportivo Supermercados Froiz
Recepción na Deputación ao Grupo Deportivo Supermercados Froiz / PontevedraViva

Con ilusións renovadas e con ganas de dar batalla. Así se presenta o Grupo Deportivo Supermercados Froiz ante a que será a súa 34ª tempada no pelotón ciclista nacional.

O conxunto alimenticio, a poucos días de comezar a sumar quilómetros de competición este curso, foi obxecto dunha recepción oficial por parte da  Deputación de Pontevedra, na que o seu director Evaristo Portela defendeu ao que "vai ser o equipo máis novo da historia do Froiz", xa que entre os seus ciclistas "o maior ten 23 anos".

Trátase dun proxecto renovado, e é que só catro corredores repiten con respecto ao ano anterior (Santiago Cadavid, Raúl Casalderrey, Manuel Rodríguez e Diego Martín Lázaro), ao que se suman ata 11 fichaxes cos que esperan poder pelexar por sumar triunfos importantes.

Entre eles destaca un ano máis a obsesión da Copa de España Elite e Sub-23, tras lograr o triunfo en categoría elite o curso pasado con Pablo Alonso. Con todo o Froiz buscará estar entre os aspirantes á vitoria absoluta coa principal figura do ex-profesional Carmelo Urbano "que ten que estar a loitar por ela, Pedro  Monroy tamén e hai varios corredores que non sei como van marchar", resume Portela.

En canto ao resto de competicións "está claro que Carmelo Urbano está chamado a ser o líder do equipo sobre todo en carreiras por etapas e de alta montaña, e despois temos a un dos mellores sprinters de España que nos ten que dar moitas vitorias, que é Alejandro Gómiz", avanza o director.

Na recepción realizada na Deputación, o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, sinalou pola súa banda que o equipo pontevedrés coa súa longa traxectoria e palmarés é o "máximo expoñente do ciclismo na nosa provincia".

Almagro, Ciudad Real, os días 19 e 20 de febreiro, será a estrea competitiva en 2022 dun Supermercados Froiz que mira xa tamén cara ao inicio da Copa de España que terá lugar o 27 de febreiro co Circuito do Guadiana en Don Benito, Badaxoz.