Arantxa Mallou seguirá unha tempada máis no Arxil

Pontevedra
28 de xuño 2017

A escolta compostelá, que chegou ao club mediada a tempada recentemente finalizada, está chamada a ser unha das pezas sobre as que se baseará o novo proxecto arxilista na Liga Feminina 2

Arantxa Mallou, no partido entre Arxil e Aros León no CGTD
Arantxa Mallou, no partido entre Arxil e Aros León no CGTD / Diego Torrado

Segunda renovación no Club Baloncesto Arxil, que confirmou a continuidade dunha da xogadoras chamadas a ser unha das referencias do novo proxecto do equipo na Liga Feminina 2, Arantxa Mallou.

A escolta compostela seguirá un ano máis ligada ao club pontevedrés, ao que chegou mediada a tempada recentemente finalizada procedente do Lousada portugués.

Desde a súa chegada, cando as verdes atravesaban unha xeira negativa de xogo e resultados, contou con protagonismo na rotación de Mayte Méndez e relanzou as aspiracións do Arxil, que terminou pelexando ata a última da competición regular por disputar o play-off de ascenso.

Mallou alcanzou nos 12 partidos de liga que disputou 10,1 puntos e 6 rebotes, con máis de 34 minutos de media na cancha en cada un deles.

A súa continuidade era unha das prioridades da directiva, á espera de poder pechar a fichaxe dunha pívot que marque diferenzas e de seguir coas renovacións, xa que polo momento só Carla Fernández e a propia Arantxa Mallou pecharon a súa continuidade no equipo.