Por primeira vez o seminario de árbitros de fútbol de Primeira e Segunda División celébrase en Galicia.
Faino concretamente en Sanxenxo, sede escollida para reunir á elite da arbitraxe nacional durante gran parte da semana.
Alí estará xunto aos seus compañeiros o máximo expoñente galego do colectivo, o pontevedrés Alejandro Muñiz, árbitro internacional e que este luns tiña prevista a modo de anticipo unha charla aberta ao público no Auditorio Pazo Emilia Pardo Bazán.
No que respecta a este martes 24 de febreiro un total de 66 árbitros e xuíces de liña de Segunda División afrontarán unha xornada técnica no campo do Revel, de 8.00 a 12.00 horas, e a continuación desprazaranse ao Pazo de Quintáns para gozar dunha visita guiada. Xa pola tarde a previsión é que continúen coa súa formación no Hotel Carlos I.
Un programa similar ao previsto para os 60 árbitros e xuíces de liña de Primeira División, que no seu caso terá lugar o xoves 26 de febreiro.
"Sanxenxo é sede ideal para estas actividades porque temos instalacións deportivas e turísticas de calidade, o que incrementou a actividade de forma exponencial nos últimos anos", sinalou sobre este importante seminario deportivo o concelleiro de Deportes, Voluntariado e Mocidade, Marcos Guisasola.