Os rigores do inverno están a notarse especialmente nestas datas nos estadios de Segunda RFEF.
A primeira ollada pódese comprobar no Estadio Municipal de Pasarón, cun estado do terreo de xogo que condicionou a disputa dos dous últimos partidos como local do Pontevedra, primeiro contra o Compostela pola formación de barro e na xornada máis recente ante o Langreo pola achega de area realizada especialmente na zona máis próxima ao Fondo Sur para tentar lograr recuperar a consistencia do campo a medio prazo, mirando cara ao tramo decisivo da competición.
Foi unha circunstancia á que tivo que sobreporse o equipo adestrado por Yago Iglesias, e que posiblemente teña que volver afrontar no seu próximo compromiso ligueiro.
Os granates visitarán o vindeiro domingo 16 de febreiro o Marino de Luanco no seu estadio de Miramar, unhas instalacións de gran soleira e que evocan a moitos dos mellores aspectos do fútbol modesto.
Trátase dun campo de céspede natural cunhas dimensións oficiais de 103x65 metros, pero que nas últimas semanas viuse castigado polas choivas que caeron en Asturias, do mesmo xeito que o sucedido en Galicia, reblandecendo en exceso a superficie de xogo.
Así se puido comprobar de feito nos encontros máis recentes do Marino como local, o 19 de xaneiro contra a Gimnástica de Torrelavega e o 2 de febreiro contra o Valladolid Promesas, ambas as dúas citas saldadas con triunfo asturiano.

A previsión meteorolóxica, iso si, fala dunha tregua en Asturias a partir deste xoves, o que pode favorecer a mellorar as condicións nas que se celebrará o partido.
Un estadio o de Miramar por certo que ao longo da historia foi un escenario propicio para o Pontevedra. Só perdeu alí nunha ocasión, na tempada 2002-2003.
Desde aquel día, entre liga e dúas eliminatorias de Copa Federación, os granates encadean seis triunfos consecutivos en Luanco. Claro que tamén hai que lembrar que este Marino é o único equipo que saíu vitorioso esta tempada do Estadio Municipal de Pasarón. Todo un aviso de que facerse co tres puntos en xogo non será desde logo unha tarefa sinxela.