Arlet Ortiz e Unai Silva, ouro e prata no prestixioso Open de Holanda de taekwondo

Pontevedra
12 de marzo 2018

Os deportistas do Mat's de Marín e o Mace Sport de Pontevedra subiron ao podio na categoría junior, celebrada o sábado na localidade holandesa de Eindhoven

Arlet Ortiz, coa medalla de ouro conseguida no Open de Holanda
Arlet Ortiz, coa medalla de ouro conseguida no Open de Holanda / Federación Galega de Taekwondo

A armada pontevedresa non pasou desapercibida nun dos torneos máis importantes de Europa, o Open de Holanda de Taekwondo, de categoría G-1, celebrado durante a fin de semana na localidade de Eindhoven.

Os mellores resultados chegaron durante a xornada do sábado, na categoría junior, na que Arlet Ortiz (Mat's de Marín) e  Unai Silva (Mace Sport de Pontevedra) lograron subir ao podio.

Arlet demostrou o seu gran estado de forma ao facerse coa medalla de ouro no peso de -52 quilos. A marinense impúxose en cinco combates facendo gala dunha gran regularidade. Así comezou en primeira rolda superando á local Ihsane Akchich por un contundente 22-0, mentres que en segunda rolda gañou á danesa Lisa María Sorensen por 5-2.

O seu combate máis apertado foi o de cuartos de final ante a norueguesa Anahita Akbari, á que venceu por 3-2 para medirse na semifinal á eslovaca Gabriela  Briskarov e avanzar con maior autoridade (9-0). Unha vez na gran final, o ouro non se lle escapou á taekwondista do Mat's, moi sólida ante Ozoda Sobirjonova (Usbequistán) para gañar por 14-6.

Pola súa banda Unai Silva rozou o triunfo, pero tívose que conformar cunha meritoria medalla de prata en -68 quilos ao caer derrotado no combate polo título ante o eslovaco Gabriel Biskar por 6-13. Antes o pontevedrés superara en primeira rolda ao holandés Edwin Van Zon nun vibrante enfrontamento (17-15), en segunda ao alemán Raphael Jaschin (15-7) e en cuartos de final ao británico Jamie Simpson-Kidd nun duelo espectacular (44-40). Por último en semifinais avanzou ao superar a Giovanni Slanec (Eslovaquia) por 23-12.

Un gran resultado para ambos os dous deportistas que lles outorga importantes puntos para o ránking e sobre todo moral para afrontar con ambición os seus próximos retos.