O Arosa apontoa o seu ataque coa renovación de Rivera

O Salnés
13 de xullo 2026

O dianteiro vilagarcián disputará a súa terceira tempada co conxunto arlequinado tras asentarse como unha das pezas máis destacadas no equipo de Gonza Fernández

Rivera celebrando un gol en A Lomba Arosa SC

A parcela ofensiva do Arosa continuará tendo a outro dos seus homes de confianza como é José Rivera, que se une ás renovacións doutros dos xogadores máis diferenciais do ataque arlequinado como Gabri Palmás ou Martín Diz.

Rivera foi canteirán do conxunto vilagarcián ata que asinou polo RC Deportivo na etapa de xuvenil.

Alí disputou dúas tempadas até volver á súa provincia como xogador do Pontevedra CF, club no que terminou a súa etapa formativa e onde disputou un total de tres tempadas alternando filial e primeiro equipo.

Pasou entón por un periplo de catro anos nos que formou parte do Coruxo e Villanovense en Segunda Federación e do Gran Peña, que naquel momento actuou como Celta C, en Terceira Federación.

No verán de 2024 regresou á súa localidade natal para asentarse como un dos habituais do ataque do Arosa. Desde entón suma 15 goles e máis de 4.000 minutos en dúas tempadas, cifras que falan da súa importancia no equipo.

A súa ilusión ante o salto de categoría non é pouca: "Sabemos que vai ser unha categoría esixente, con rivais de moito nivel, pero confío moito no equipo e no traballo que faremos".

Entre os factores máis importantes para lograr a permanencia, Rivera destaca a importancia de facerse forte na Lomba e ser un equipo regular: "Si conseguímolo, estou seguro de que poderemos alcanzar os obxectivos que nos marquemos".

O feito de ser canteirán suma un extra de motivación para o vilagarcián, que asegura que "poder xogar no equipo da miña cidade é un orgullo".

"Temos un reto bonito por diante e teño moitas ganas de empezar", engadiu o dianteiro do Arosa, que conta os días para empezar a pretemporada xunto ao resto de compañeiros o próximo 27 de xullo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora