O Arosa renova a Martín Diz e anuncia a saída de Javi Rey

O Salnés
10 de xullo 2026

O dianteiro vilagarcián disputará a súa cuarta tempada consecutiva no club arlequinado mentres que javi Rey abandona a disciplina de Gonza Fernández tras dúas campañas

Martín Diz, nun partido entre Arosa e UD Ourense
Martín Diz, nun partido entre Arosa e UD Ourense / Arosa SC

Os movementos nas filas do Arosa SC non cesaron nos últimos días, pois o club anunciou este xoves a fichaxe de Hugo García para a medular e, nas últimas horas, fixo oficial a continuidade de Martín Diz e a saída de Javi Rey.

O dianteiro, natural de Vilagarcía, disputará a súa cuarta tempada no club tras asentarse como un dos xogadores máis importantes dentro da escuadra arlequinada.

Aínda cun protagonismo menor que nas súas dúas primeiras campañas por mor dunha lesión, o atacante participou en 23 encontros esta tempada nos que converteu 3 goles para axudar o equipo a lograr o ascenso a Segunda Federación.

Non foi difícil chegar a un acordo para a súa continuidade xa que, tal e como explica, "O Arosa sempre é a miña primeira opción e este verán foi directamente a única. Quería renovar si ou si porque o Arosa é a miña casa e quero seguir pelexando para mellorar e facer crecer o club".

Sobre o seu tempo apartado dos terreos de xogo, o de Vilagarcía asegura que "tamén foi unha tempada de moitísima aprendizaxe, tanto no bo como no malo".

Martín é optimista de cara ao próximo curso en Segunda Federación xa que "me encantan os retos e quero empezar canto antes".

En canto a Javi Rey, o mediocentro pontevedrés di adeus ao equipo da Lomba tras dúas tempadas e un ascenso ás súas costas. O propio xogador destaca que "cheguei coa ilusión de axudar o equipo a subir de categoría e estou moi orgulloso de habelo conseguido".

"Voume coa conciencia moi tranquila de ter dado todo en cada adestramento e en cada partido. Grazas aos meus compañeiros, que xa os considero unha familia", apuntou o xogador lerezano na súa despedida.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora