O Arosa asina talento e proxección coa incorporación de Hugo García

O Salnés
09 de xullo 2026
Actualizado: 12:26

O centrocampista ferrolán chega ao conxunto arlequinado procedente do CD Lugo B para ofrecer calidade e frescura á medular do equipo de Gonza Fernández

Hugo García adestrando co CD Lugo
Hugo García adestrando co CD Lugo / CD Lugo Canteira

O centro do campo da Lomba terá un novo inquilino na tempada 26/27 en Segunda Federación. Trátase de Hugo García, centrocampista Sub23 formado nas categorías inferiores do RC Deportivo e do CD Lugo.

O ferrolán chega ao Arosa SC procedente precisamente do CD Lugo B, filial do equipo lucense que non competirá a próxima tempada en Terceira Federación tras o recente acordo entre o conxunto da cidade amurallada e a SD Sarriana para que sexa esta quen exerza como segundo equipo.

A chegada de Hugo García ao conxunto arlequinado supón unha aposta pola innegable calidade dun xogador que, a pesar da súa mocidade, xa conta con experiencia en Segunda Federación.

O de Ferrol fixo o seu debut no cuarto chanzo do fútbol español co filial lucense aos 17 anos e, a pesar da súa mocidade, disputou máis de 1.000 minutos naquela tempada participando en 14 encontros. Tamén competiu nesta categoría co Rayo Majadahonda e a AD Unión Adarve na 24/25.

Esta experiencia tradúcese en coñecemento por unha Segunda Federación na que, tal e como explica o xogador, "a igualdade sempre é máxima e a diferenza entre a zona alta e baixa da táboa adoita ser un par de partidos".

Explicou na súa presentación o presidente do club arlequinado, Manolo Ábalo, que "é un orgullo que aceptara a proposta do Arosa e ao mesmo tempo a el tamén lle pode servir de trampolín para poder seguir crecendo como futbolista".

"Ao mesmo tempo que nos sirva a nós tamén para, se pode ser, consolidarnos na categoría", asegurou Ábalo antes de engadir que "como lle digo eu ao director deportivo, que faga un equipo para ser campión".

En relación á súa fichaxe, Hugo García apuntou que "sempre tiven moi boas referencias de xente que viviu o club desde dentro, que coñezo por xogar con eles, e todo son cousas boas"

Sobre as súas aptitudes, o propio xogador defínese como un "mediocentro máis posicional, que axuda moito na saída de balón e a crear desde abaixo pero tamén con moito sacrificio a nivel defensivo. O seu punto forte, "o entendemento do xogo, que me axuda a estar ben situado e a entender ben o xogo".

Hugo García convértese na peza número once do proxecto arlequinado e únese á recente renovación do defensor Edgar Redondo.

Engade Pontevedra viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora