Arosa e Asociación Bata unen forzas para dar visibilidade ás persoas con autismo

O Salnés
30 de marzo 2023

Usuarios deste colectivo visitaron este xoves, despois do adestramento, aos xogadores do primeiro equipo do Arousa para compartir unha charla e fotografarse con eles

Arosa e Asociación Bata colaboran para dar maior visibilidade ás personas con autismo
Arosa e Asociación Bata colaboran para dar maior visibilidade ás personas con autismo / Arosa SC

Con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra este domingo día 2 de abril, o Arosa súmase á campaña acompañando ás persoas con autismo e as súas familias.  Co obxectivo de dar visibilidade e fomentar a inclusión, o primeiro plantel envorcouse coa campaña #LlamémosloPorSuNombre e esta semana recibiu na Lomba a un grupo de persoas con autismo da Asociación Autismo Bata. 

Acompañadas por Mónica Santos, directora da área de vida adulta da asociación, e Olalla Rodríguez, coordinadora da rede de vivendas e membro da xunta directiva de Bata, visitaron aos xogadores ao termo dunha sesión de adestramento. O encontro serviu para dar a coñecer o traballo que realiza a asociación no seu obxectivo de promover a participación e a igualdade de oportunidades das persoas autistas e as súas familias.

Unha vez máis, o club arousán mostra o seu compromiso social para construír unha sociedade máis respectuosa e derrubar barreiras. As persoas con autismo pousaron xunto aos futbolistas para inmortalizar o slogan da campaña, que este ano utiliza o símbolo do infinito na mesma.

"Aínda que durante todo o ano deberíase apoiar, concienciar e sensibilizar, queremos que neste día todo o mundo colabore e teña en conta que as persoas con autismo teñen unhas características específicas, pero tamén os mesmos dereitos que calquera persoa que non teña autismo, e teñen que exercelos", explicou Mónica Santos.

Julio Rey, como capitán do Arosa, dixo que "para o plantel e o club é un orgullo dar visibilidade a estas persoas marabillosas ás que hai que integrar na sociedade e dar visibilidade", mentres que Sergio Cotilla, outro dos capitáns, felicitou polo seu traballo á asociación Bata, coa que o Arosa xa colaborou durante a pandemia.