O Arosa incorpora a Maceira ás súas filas e anuncia dúas novas saídas

O Salnés
16 de xullo 2026

O club arlequinado recruta a Jorge Maceira, dianteiro vigués que chega procedente da SD Compostela. En clave saídas, os últimos días fixéronse oficiais as baixas de Yoel Crespo e Luís Castro

Presentación de Jorge Maceira como novo xogador do Arosa Arosa SC

O Arosa dá un golpe sobre a mesa no mercado de fichaxes coa incorporación de Jorge Maceira, dianteiro vigués de 25 anos que chega a Vilagarcía tras completar unha extraordinaria tempada en Terceira Federación coa SD Compostela.

Maceira irrompeu con forza na tempada 25/26 tras ser un dos máximos goleadores do grupo galego de Terceira RFEF con 14 tantos. Tamén foi diferencial no play-off de ascenso do conxunto santiagués, pois anotou outras dúas dianas que fan un total de 16 goles na súa conta particular.

O vigués caracterízase por ser un dianteiro rematador, tanto por arriba como por abaixo, con capacidade de ir ao espazo, combinar e que trata de mellorar cada unha das facetas do xogo.

A súa chegada ao Arosa achegará gol ao equipo en Segunda Federación e suporá tamén o seu debut na categoría, pois sempre xogou en Terceira Federación na súa etapa como senior en clubs como o Rápido de Bouzas, Choco e Polvorín.

En relación á categoría, o novo xogador do conxunto arlequinado apunta que ve un grupo con clubs históricos e de moito nivel "pero no que nós non seremos menos". Considera, ademais, que o máis importante será "ter unha idea clara, crer nela e competir cada partido até o final".

Maceira asegura que teñen que "facer da Lomba un fortín e ir a cada partido fóra de casa coa convicción de traer de volta os máximos puntos posibles". Doutra banda, o novo xogador do Arosa admite que afronta esta etapa "con moitas ganas e moita ilusión e coa ambición de conseguir grandes logros".

SAÍDAS DE YOEL CRESPO E LUÍS CASTRO

A actualidade do conxunto vilagarcián dos últimos días tamén pasa polas saídas do centrocampista Yoel Crespo e do lateral Luís Castro.

Crespo abandona a disciplina de Gonza Fernández seis meses despois da súa chegada no mercado invernal, unha etapa na que disputou quince encontros, un total de 645 minutos e nos que logrou anotar un gol.

En canto á baixa de Luís Castro, o lateral esquerdo deixa o Arosa tras dúas tempadas nas que tivo un destacado papel na banda esquerda da Lomba. O futbolista de Ribadumia superou os 2.000 minutos en ambas as campañas nas que participou cun total de dous goles.

Na súa despedida, Castro tivo unhas palabras de agradecemento coa afección, compañeiros, directivos e adestradores e asegurou que se vai "coa conciencia tranquila de deixar todo por este escudo".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora