O Arosa pecha a cesión de Hugo Villaverde

O Salnés
22 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:14

O futbolista caldense chega ao club da Lomba até final de tempada en calidade de cedido polo RC Deportivo

Hugo Villaverde, nun partido co Fabril
Hugo Villaverde, nun partido co Fabril / RC Deportivo

Novo reforzo invernal para o Arosa.

O club arlequinado fíxose coa cesión dun futbolista que coñece ben, pois militou no seu equipo xuvenil.

Trátase de Hugo Villaverde, centrocampista que aterra na Lomba a préstamo polo RC Deportivo.

Natural de Caldas de Reis, Hugo participou esta tempada en 15 encontros do filial deportivista, o Fabril, en Segunda RFEF, cinco deles como titular.

"É unha contorna próxima, que xa coñezo, polo que a adaptación será moito máis fácil. Teño amigos alí, excompañeiros que me van facer todo máis fácil. Son da casa", explicou o futbolista en declaracións ao Arosa tras confirmarse a fichaxe.

Será de feito a súa segunda etapa arlequinada, tras chegar ao Arosa no seu primeiro ano cadete e ser parte do equipo xuvenil que logrou o ascenso a División de Honra.

Foi antes de que fose recrutado polo Deportivo aínda en idade xuvenil, categoría desde a que pasou a formar parte do Fabril.

Hugo Villaverde, que se suma á lista de reforzos ao defensor Tafa Kanteh, terá a súa primeira oportunidade de debutar co equipo adestrado por Míchel Alonso o vindeiro domingo 26 de xaneiro coa visita do Viveiro ao estadio da Lomba.