Campaña de segunda volta no Arosa

O Salnés
21 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:05

Coincidindo co partido de liga do próximo domingo 26 de xaneiro contra o Viveiro, primeiro da segunda volta na Lomba, o Arosa activou unha nova campaña de captación de abonados

Partido entre Arosa e Somozas na Lomba
Partido entre Arosa e Somozas na Lomba / Arosa SC

Primeiro partido en casa da segunda volta do campionato para o Arosa SC.

Coincidindo co encontro do próximo domingo 26 de xaneiro (17.00 horas) na Lomba contra o Viveiro, 12º clasificado, o club arlequinado anunciou a activación da campaña de abonados de metade de tempada.

Unha iniciativa coa que esperan incrementar a asistencia ao estadio de cara ao tramo decisivo da competición, na que buscarán o ascenso de categoría.

Segundo explicou o Arosa, mantéñense os prezos reducidos de anos anteriores.

Así o carné de segunda volta constará 50 euros en Tribuna e 40 euros en Prerencia (40 e 35 euros respectivamente para persoas xubiladas). Para os menores de 30 anos o custo será de 35 euros e para os menores de 18 anos será de 15 euros.

Cos novos abonos o Arosa regalará unha bufanda do club.

Ademais, para impulsar un mellor ambiente nas bancadas, a directiva arosista decidiu agasallar unha invitación aos seus socios para o partido contra o Viveiro, un duelo que se celebrará nunha data histórica posto que coincidirá co 79 aniversario do partido inaugural disputado na Lomba.

Poderán retirarse estas invitacións nas oficinas do club até o venres, en horario de 17.00 a 21.00 horas.