O Pontevedra Club de Fútbol xa ten substituto para Tiago Rodríguez, despois da lesión de gravidade do centrocampista.
Desde que Tiago rompese o xeonllo, o club granate buscaba solucións para reforzar a medular no tramo decisivo da competición aproveitando as dúas fichas sénior que ten dispoñibles a maiores da que deixa vacante o seu futbolista lesionado.
Tentouno con Fede Vico, pero volveu á casa de saída tras romper por sorpresa o acordo co futbolista.
Finalmente o home escollido para esta tarefa é Facu Ballardo, centrocampista de orixe arxentina con anos de experiencia en España en diversos equipos de Segunda B e Segunda RFEF.
Facu coincidiu de feito con Rubén Domínguez no Ourense CF, sendo peza clave daquel equipo que deixou o Pontevedra sen ascenso na campaña 23-24. Tanto é así que Ballardo marcou o segundo dos tantos ourensaninstas na derrota granate por 0-2 en Pasarón que resultou decisiva na competición regular.
Agora volverase a reencontrar co que foi o seu técnico tras un breve periplo na India, nas filas do Malappuram FC, no que aterrara tras competir a pasada campaña no Calahorra de Segunda RFEF.
Tamén defendeu as camisetas de Haro, Atlético Sanluqueño, Tarazona e Formentera.
Agora aos seus 30 anos chega ao Pontevedra "até final da presente tempada", confirma a entidade granate.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.