O Arxil desvanécese tras unha prometedora remonta ante o Domusa Teknik ISB

Pontevedra
14 de decembro 2024

A pesar do inicio esperanzador por parte das pontevedresas, non souberon manter o ritmo dun equipo vasco que aproveitou a súa oportunidade para levar a vitoria

Partido entre Club Baloncesto Arxil e Domusa Teknik ISB no CGTD

O Club Baloncesto Arxil sufriu unha dura derrota no CGTD fronte ao Domusa Teknik ISB. A pesar do inicio prometedor por parte das locais, o cadro vasco impuxo o seu ritmo para levar o triunfo por 54-61.

O encontro comezou da mellor maneira posible para as de Pontevedra, que rapidamente se puxeron por diante no marcador cun parcial de 7-2.

Con todo, o guion do partido cambiou a partir do ecuador do primeiro cuarto. O ISB intensificou a súa defensa, dificultando as penetracións das locais, e aumentando o ritmo en ataque, o que se traduciu nun 12-20 ao termo dos primeiros dez minutos.

No segundo cuarto, o Arxil tentou cortar a hemorraxia, pero o cadro visitante mostrouse moi seguro en todas as facetas para irse ao descanso cun cómodo 19-34.

Tras o paso polos vestiarios, as pontevedresas saíron decididas a cambiar o rumbo do partido.

Cunha defensa máis agresiva e un ataque máis fluído, foron recortando distancias aos poucos até conseguir darlle a volta ao marcador e poñerse por diante (38-36), pero dúas triplas consecutivos devolveron a vantaxe ao equipo rival a falta de dez minutos para o final (38-42).

Xa no último cuarto, as de Marita Janeiro tentaron por todos os medios sacar algo positivo do encontro, pero as vascas souberon manter a calma e controlar o ritmo do partido pese ao último esforzo do Arxil, que caeu finalmente por un doloroso 54-61.

Consulta as estatísticas neste enlace