As arxentinas Julia Dupuy e Agostina Chiesa renovan por unha segunda tempada co Poio Pescamar

Poio
29 de xullo 2021

A continuidade das xogadoras internacionais arxentinas é "unha aposta persoal do técnico Manu Cossío", sinala a entidade vermella sobre unha dobre renovación que deixa o plantel practicamente confeccionado

Julia Dupuy (7), no partido amigable entre Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca
Julia Dupuy (7), no partido amigable entre Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca / Cristina Saiz

O Poio Pescamar está a un paso de pechar o seu plantel, á espera dunha fichaxe que poña a guinda ao novo proxecto vermello.

Estao tras anunciar este xoves unha dobre renovación, a das arxentinas Julia Dupuy e Agostina Chiesa.

As futbolistas, internacionais polo seu país, afrontarán así o seu segundo curso na Seca, onde aterraron tras unha etapa na liga italiana.

A continuidade de ambas as dúas é "unha aposta persoal do técnico Manu Cossío", sinalan desde a entidade conserveira confiando en que acheguen un maior rendemento se cabe tras un ano de adaptación á Primeira División española.

O corpo técnico ten "moitas ilusións depositadas no rendemento desta tempada", defende o Poio Pescamar destacando a versatilidade de Dupuy e a calidade de Chiesa desde o posto de á esquerda.

Coa súa renovación o equipo vermello conta con 12 futbolistas confirmadas tras as fichaxes de Luísa Mayara, Lucía Paz, Jane Marques, Anna Escribano e Martita e ás renovacións de Caridad, Irene, Dani Sousa, Luci e Ana Rivera.