Poio Pescamar e Marín Futsal empezan a preparar o seu primeiro ano xuntos na elite

Marín
11 de agosto 2021

As morracenses inician o traballo este mércores, mentres que as da Seca terán a súa primeira sesión o venres para preparar o inicio de liga, que está previsto para o 18 de setembro

Partido entre o Poio Pescamar e Alcorcón na Seca
Partido entre o Poio Pescamar e Alcorcón na Seca / Cristina Saiz

O inicio da tempada da Primeira División do fútbol sala, previsto para o 18 de setembro, está ao virar a esquina e os equipos comezan xa a prepararse para o inicio da liga. É o caso do Poio Pescamar e Marín Futsal, que este ano coincidirán por primeira vez na máxima categoría, que comezan a traballar esta mesma semana.

As marinenses teñen previsto saltar á cancha este mesmo mércores, mentres que as da Seca terán a súa primeira toma de contacto o xoves.

O plan do equipo adestrado por Raúl Jiménez para a primeira sesión de adestramento consta da realización das pertinentes probas médicas para poñerse logo ás ordes do preparador físico Luís Santos a partir das 20 horas deste mércores. Ás súas ordes estarán once xogadoras, as nove renovadas (Antía, Ceci, Pau, Kun, María León, Mar Fernández, Marta Gago, Beira e Café) e as dúas novas incorporacións: a porteira Silvia Aguete e a á brasileira Gaby. 

Por diante terán cinco semanas e media de intenso traballo físico e táctico para afrontar con garantías o seu ano de debut na elite do fútbol sala feminino.

Pola súa banda, a volta ao traballo do Poio Pescamar será gradual. Este xoves as xogadoras serán sometidas a probas serológicas para descartar positivos por covid-19 e logo participarán nunha charla sobre riscos laborais enfocada principalmente na pandemia. O traballo meramente deportivo chegará o venres coas primeiras sesións de traballo físico.

Con todo, o equipo non estará ao completo ata a semana que vén debido a que as dúas xogadoras arxentinas e as tres brasileiras que completan o plantel vermello atópanse aínda gardando a corentena que obriga o Goberno ao proceder de países con alta incidencia da covid.