As baixas castigan ao Peixe Galego en Melilla (91-63)

Marín
05 de xaneiro 2017

Os de Marín competiron ben ao comezo do choque, pero co paso dos minutos a maior rotación local fíxose notar e foi castigando ao Peixe ata deixar sentenciado o choque no terceiro cuarto. É a oitava derrota consecutiva dos de Javi Llorente en liga

Partido entre Melilla Baloncesto e Peixe Galego
Partido entre Melilla Baloncesto e Peixe Galego / Club Melilla Baloncesto

Non puido repetir a xesta da primeira xornada de liga o Peixe Galego na súa visita á cancha dun Melilla que vai a máis na competición (91-63).

Os de Marín acusaron en exceso as baixas coas que chegaban ao encontro e as lesións que non deixaron preparar en condicións o choque.

Sen Andrés Miso, que non viaxou, a resposabilidad ofensiva recaeu en Derksen (17 puntos), Cain (13) e Simeón (13), pero non foi sufienciente para superar a un elevado Melilla.

Os de Javi Llorente plantaron cara mentres lles durou a gasolina. Saíron ben ao partido e a pesar dun parcial melillense de 9-0 (15-7) repuxéronse para manterse a tiro no marcador (20-16).

Con todo, cando o cadro local empezou a rotar e tirar de banco o Peixe Galego empezou a acusar a súa falta de frescura. Así ao descanso chegábase xa cun 44-32, aínda que foi no terceiro parcial cando o partido rompeu definitivamente co acerto do Melilla desde o lanzamento exterior.

Non puido xa reaccionar un Peixe falto de forzas que sumou así a súa oitava derrota consecutiva na Liga LEB Ouro, que lles mantén na penúltima praza. A pesar diso seguen a un triunfo da zona de permanencia, e contarán cunha oportunidade para redimirse xa o vindeiro domingo 8 de xaneiro, na Raña, ante o Leyma Coruña.

Consulta aquí as estatísticas do Melilla-Peixe Galego.