As dúas Antías da EP Cidade de Pontevedra desembarcan en Hungría para afrontar o reto máis importante do ano

Pontevedra
24 de setembro 2020

Esta fin de semana celébrase en Szeged unha proba da Copa do Mundo de piragüismo, única cita internacional que se mantén no calendario, na que participan nove padeeiros galegos

Antía Jácome na pista de piragüismo de Szeged antes de comezar a disputa da Copa do Mundo do 2020 Federación Galega de Piragüismo

A comitiva española xa está na cidade húngara de Szeged para disputar esta fin de semana a única cita internacional que se mantén vixente no calendario de competicións de piragüismo. E entre a representación nacional sobresaen os nove padeeiros galegos que buscarán facerse un oco entre a elite mundial desta proba da Copa do Mundo.

Pero o piragüismo local estará pendente sobre todo de dúas mozas pontevedreses que apuntan alto. Antía Jácome e Antía Otero, a última aínda en idade xuvenil, buscarán facer historia o domingo na proba do C2-200 e C2-500 despois de conseguir o billete no selectivo celebrado no complexo deportivo David Cal de Verducido. Jácome, pola súa banda, competirá tamén na modalidade individual na proba do C1-200.

As dúas padeeiras da EP Ciudad de Pontevedra tiveron xa oportunidade de probar a pista na que se disputará esta proba mundial despois de pasar a súa primeira noite en Hungría. A primeira en competir será Antía Jácome, que o fará o vindeiro venres ás 9.40 horas na Heat do C1-200. Ese mesmo día ás 15.15 horas poderán probar a embarcación dobre para a práctica do C2-500. A proba de lume está programada para o domingo, coa celebración da primeira das carreiras, o C2-200 ás 11.40 horas.

A das dúas Antías non é a única presenza reseñable en Szeged para o piragüismo pontevedrés. Alí está tamén o morracense, que adestra a diario no CGTD, David Barreiro para buscar a gloria no C1-1000 e C1-500.

A representación galega complétana catro padeeiros do Kaiak Tudense encabezados por Roi Rodríguez que competirá en tres regatas: K1-5000, K2-1000 e K2-500 acompañado polo catalán afincado en Tui Albert Martí. Xunto a el estarán os seus compañeiros de equipo Lara Feijoo ( K1-200 e K2-500) e Pedro Vázquez ( K2-500 e K4-500).

A barbancesa Raquel Dacosta tomará a saída nas probas do C1-500 e C1-5000, mentres que o seu compañeiro de equipo no Rías Baixas, Adrián Mosquera, participará nas diferentes probas da modalidade de paracanoe.