As dúas últimas xornadas da Terceira División terán horario unificado

O Salnés
26 de abril 2018

A Real Federación Galega de Fútbol decidiu unificar o horario de competición das dúas últimas xornadas da liga regular, nas que se decidirán os equipos que pelexarán polo ascenso de categoría e cales eludirán o descenso

Partido entre Céltiga e Arosa no Salvador Otero
Partido entre Céltiga e Arosa no Salvador Otero / Diego Torrado

A Real Federación Galega de Fútbol tomou a decisión de unificar as dúas últimas xornadas da competición regular na Terceira División.

Desta forma, todos os encontros nos que haxa algo en xogo disputaranse os días 6 e 13 de maio das 18:00 horas da tarde.

Serán xornadas decisivas na pelexa por entrar no play-off de ascenso ou para eludir o descenso, máis se cabe este ano ante a posibilidade de que se produzan arrastres pola caída dun ou varios equipos desde a Segunda División B.

Nestas dúas últimas citas o Arosa, actual quinto clasificado empatado a puntos coa zona de play-off, xogarase previsiblemente o seu obxectivo visitando primeiro o Alondras e despois recibindo na Lomba o Noia. Pola súa banda desde unha cómoda posición o Ribadumia recibirá na súa casa o Villalbés e terminará a liga en Boiro.

Máis problemas, pola posibilidade de arrastres, ten un Céltiga que primeiro visitará Noia e despois recibirá o Ourense CF, mentres que o Villalonga, case desafiuzado na táboa, concluirá a tempada ante o Cultural Areas na casa e contra o Somozas fóra.