As mellores canteiras do baloncesto español volverán facer escala en Marín en xuño

Marín
23 de abril 2022

O pavillón da Raña acollerá, entre o 5 e o 11 de xuño, unha nova edición do campionato de España de baloncesto de categoría infantil masculino  

Sinatura do convenio para que Marín sexa sede do campionato de España de baloncesto infantil masculino do 2022
Sinatura do convenio para que Marín sexa sede do campionato de España de baloncesto infantil masculino do 2022 / Concello de Marín

A alcaldesa, María Ramallo, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó, acompañados polos concelleiros Antonio Traba e Antonio Caíña e Jose Luis Santiago Pereira, do Peixe Galego, firmaron esta mañá o convenio de colaboración para que Marín sexa sede do XLII Campionato de España de Clubs de categoría Infantil Masculino, correspondente á tempada 2021/2022.

O evento celebrarase do 5 ao 11 de xuño e volverá colocar á vila marinense no centro do baloncesto de base a nivel estatal. Tal e como recordaron os organizadores, será o sétimo ano que Marín acolla este importante evento deportivo, despois de que no 2012 acollera a categoría cadete, ano no que o Peixe quedou subcampión de España e se seguiran celebrando tanto as modalidades masculina e feminina no 2013, 2014, 2018, 2019 e 2021.

Está previsto que neste evento participen clubs como o Real Madrid ou o FC Barcelona, polo que será, como en todas as edicións, unha cita ineludible para os amantes do baloncesto e do deporte base en xeral.