As persoas cegas poderán gozar do partido de España en Pontevedra

Pontevedra
29 de novembro 2023

O partido de fútbol da Selección Española contra a de Italia que se disputará este venres, ás 21:30 horas, no estadio municipal de Pasarón contará co sistema especial de narración deseñado especificamente para persoas con discapacidade visual

Narración dun partido de fútbol para persoas invidentes RFEF

O partido de fútbol da Selección Española contra a de Italia que se disputará este venres, ás 21:30 horas, no estadio municipal de Pasarón contará co sistema especial de narración deseñado especificamente para persoas con discapacidade visual. 

É dicir, non se trata dunha retransmisión como a dun programa radiofónico como o ‘Carrusel Deportivo’, ‘Tiempo de Juego’ ou o ‘Galicia en goles’, esta é unha transmisión sen publicidade, comentarios adicionais ou distraccións, centrándose exclusivamente na descrición do xogo.

Trátase dunha narración descritiva que está pensada para facilitar o seguimento dos partidos a persoas invidentes, tanto dentro do estadio como desde calquera parte do mundo. 

É ideal tanto para quen acuda a Pasarón como para as persoas cegas que desexen saber ao minuto o que ocorre neste encontro.

O sistema consiste en proporcionar unha narración detallada dos encontros a través dunha aplicación chamada "RFEF Narración para persoas cegas".

Este sistema converteuse xa nunha práctica regular e indispensable nos xogos da Selección Española de Fútbol, desde a súa estrea o 25 de marzo de 2022. O primeiro partido entre dúas seleccións femininas que se narrou a través da mencionada app foi o que xogaron no Arcángel de Córdoba, o pasado 26 de setembro, España e Suíza.