As sancións castigan o Arosa tras o derbi contra o Pontevedra

O Salnés
15 de abril 2015

O adestrador arlequinado, Piscis, foi castigado con dous encontros de suspensión. Ademais Adrián Camiño perderase o próximo partido, en Carballo, por unha amoestación recibida tras o partido

Partido entre Arosa e Pontevedra na Lomba
Partido entre Arosa e Pontevedra na Lomba / Diego Torrado

A resaca do derbi entre Arosa e Pontevedra terá importantes consecuencias no cadro arlequinado, máis alá da derrota encaixada no tempo de desconto.

A Xuíza ÿnica de Competición, tras ler detidamente a acta redactada polo colexiado coruñés Alexandre López Vila, confirmou a sanción para tres xogadores arosistas e tamén para o seu adestrador.

No caso deste último, Piscis foi castigado con dous partidos de suspensión "por dirixirse aos árbitros en termos ou con actitudes de menosprezo ou desconsideración, unha vez finalizado o partido".

Tamén finalizado o encontro Adrián Camiño e o granate Jacobo viron unha tarxeta amarela derivada da tangana que se produciu tras pitar o árbitro o final do choque, pero se ben no caso do xogador do Pontevedra non ten influencia no caso do capitán do Arosa supón a súa segunda tarxeta e a consecuente expulsión, polo que será baixa o próximo domingo.

Tampouco estarán no importante partido dos vilagarcianos en Carballo, ante o Bergantiños, Javi Pazos e Yago, que cumpren ciclo de tarxetas.

Por último a Xuíza ÿnica advirte a Arosa e Pontevedra que de volver producirse incidentes como os rexistrados ao final do choque "lle serán de aplicación o regulamentariamente establecido para iso".