O Bergantiños (1-0) deixa ao Arosa a expensas dun milagre para meterse no play-off

O Salnés
19 de abril 2015

Con este resultado o Arosa queda a cinco puntos do cuarto posto, pero na décima posición, con moitos rivais por diante, o que, salvo milagre nas catro xornadas que faltan, case lles descarta para loitar polo ascenso

Partido entre Ribadumia e Arosa na Senra
Partido entre Ribadumia e Arosa na Senra / Diego Torrado

Era practicamente a última oportunidade para o Arosa de reengancharse á loita polo cuarto posto, pero chegaba no peor momento. As baixas por lesión ou sanción, como os casos de Javi Pazos e Adrián Camiño, deixaron aos de Piscis en cadro ante un Bergantiños que, como os arosistas, quería agarrarse ás últimas opcións de subirse ao carro do pla-off, despois de cumprir sobradamente o seu obxectivo da tempada coa permanencia garantida.

E non puideron sacar os arlequinados nada positivo dun escenario no que as accións a balón parado adoitan ser decisivas. Ao Arosa faltáballe o seu especialista e por se fose pouco nunha delas encaixou o gol que resolvería o partido, nun remate de Álex Canedo á saída dun córner botado por Gonzalo.

O partido tivo poucas ocasións de perigo. Coas defensas superando os ataques e ausencia case total de fútbol de toque. O gol ao fío do descanso reforzou a aposta dos de Javier Oreiro, que se armaron atrás en defensa da vantaxe conseguida, sen que os visitantes conseguisen crear perigo serio.

Con este resultado o Arosa queda a cinco puntos do cuarto posto, pero na décima posición, con moitos rivais por diante, o que, salvo milagre nas catro xornadas que faltan, case lles descarta para loitar polo ascenso.

BERGANTIÿOS CF (1): Christopher; Becerra, Aarón, Sergio, Álex Canedo, Toni, David García, Iván Amor (Astray, min. 34), Gonzalo (Pablo Garrido, min. 86) e Denis (Alessandro, min. 73).

AROSA SC (0): Jorge Pérez; Juanjo, Nano, Martín, Juan Rodríguez, Alfonso, Nando (Santi Padín, min. 54), Esteban Capelo, Quique Cubas, Pablo Vázquez e Juanito (Eloy, min. 56).

Árbitro: Fernando Formoso Sánchez (Ferrol), auxiliado en bandas por José Antonio Rodríguez Dopico e Adrián González Franco. Amoestou o adestrador local, Javier Oreiro e aos xogadores visitantes Vixo e Juanjo.

Goles: (1-0) Minuto 41: Álex Canedo.

Incidencias: Campo Municipal das Eiroas (Carballo). Uns 200 espectadores.