As Series Mundiais de Tríatlon comezan sen Gómez Noya

Pontevedra
01 de marzo 2016

O pentacampión do Mundo renunciou á primeira proba das Series Mundiais, que se disputa o vindeiro sábado 5 de marzo en Abu Dhabi, para continuar coa súa preparación nun ano condicionado por un só obxectivo, os Xogos Olímpicos. O seu debut podería producirse en abril na segunda cita do calendario, Gold Coast (Australia)

Javi Gómez Noya adestrando en Stellenbosch, Sudáfrica
Javi Gómez Noya adestrando en Stellenbosch, Sudáfrica /

A tempada está de Javier Gómez Noya está condicionada por un único obxectivo, os Xogos Olímpicos, e por iso o triatleta galego renunciou a participar a próxima fin de semana na primeira cita das Series Mundiais en Abu Dhabi.

Despois de arrastrar pequenas molestias físicas no inicio da pretempada, en Forteventura, e tras varias semanas ultimando o seu estado de forma en Stellenbosch, Sudáfrica, o triatleta galego preferiu seguir adestrando para adecuar a súa preparación a chegar co seu máximo pico de forma a Río de Janeiro no mes de agosto.

As Series Mundiais servirán esta tempada de test de nivel para Gómez Noya, do mesmo xeito que para algúns dos seus máximos rivais. De feito, o sábado en Abu Dhabi tampouco estarán, por exemplo, os irmáns Brownlee ou o francés Vincent Luis. Si outros favoritos para os Xogos como o español Mario Mola, o surafricano Richard Murray ou Fernando Alarza, triatleta talaverano fincado en Pontevedra.

Polo momento Javi Gómez Noya ten previsto debutar na segunda cita das Series Mundiais, que se disputará o 9 de abril en Gold Coast, Australia, aínda que a súa participación na carreira dependerá da evolución dos adestramentos ao longo do próximo mes.