O Pontevedra Club de Fútbol é o segundo equipo do seu grupo que menos tarxetas amarelas viu no que vai de tempada. Só o seu próximo rival, o Fabril, foi menos castigado neste apartado. Un total 15 encontros nos que ademais contabiliza unha expulsión (Samu Mayo contra o Guijuelo na xornada 5).
Con todo os granates enfilan unha fase da competición na que as amoestacións empezan a dar paso a partidos de suspensión.
No plantel pontevedrés dous son os futbolistas que se atopan 'en capela', a só unha tarxeta da sanción por acumulación. Trátase de Chiqui e de Mario Gómez, ambos os dous con catro amarelas.
Ademais con tres están nestes momentos Samu Mayo e Rufo, mentres que contan con dúas tarxetas Toño Calvo, Churre, Garay e Álex González e cunha Edu, Dalisson, Zabaleta, Jaichenco e Yelko Pino.
Aínda que para a última xornada do ano esta circunstancia non afectará a Yago Iglesias á hora de compoñer ao equipo, si que se prevé que comece a notarse no mes de xaneiro, abrindo oportunidades no once inicial a futbolistas que gozaron de menos minutos ata a data.