Remontada, goleada e liderado granate (4-1)

Pontevedra
17 de decembro 2023

O Pontevedra Club de Fútbol xa é líder do seu grupo tras os empates de Ourense e Zamora e a súa vitoria ante o Deportivo Fabril deste domingo en Pasarón. Non foi un triunfo sinxelo, e é que os granates tiveron que dar a volta ao marcador para superar a un filial que golpeou primeiro cun gol de Nájera, pero apareceron Álex e Rufo, cun dobrete cada un, para obrar a remontada e irse á vacacións de Nadal da mellor maneira posible

Partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Deportivo Fabril en Pasarón

O Pontevedra Club de Fútbol xa é líder do seu grupo tras os empates de Ourense e Zamora e a súa vitoria ante o Deportivo Fabril deste domingo en Pasarón.

Non foi un triunfo sinxelo, e é que os granates tiveron que dar a volta ao marcador para superar a un filial que golpeou primeiro cun gol de Nájera, pero apareceron Álex e Rufo, cun dobrete cada un, para obrar a remontada e irse á vacacións de Nadal da mellor maneira posible.

E foi o Pontevedra o que tomou o control do encontro desde o inicio, levando a batuta da posesión e estudando como poder facer dano ao rival, o que se traducía en poucas chegadas sen apenas perigo.

Avisou primeiro Rufo despois dunha boa transición de Chiqui, pero se escoró demasiado, e cinco minutos despois probou fortuna Álex González, que aproveitou un erro no bote de balón e encarou a Ríos, pero o seu disparo foi demasiado frouxo e o gardameta atrapou sen problemas.

Así se chegou ao minuto 16 de xogo e nun visto e non visto saltou a sorpresa. Apertura a Jano na banda esquerda e centro ao área pequena onde Nájera conectou de tacón e enviou o esférico ao interior da portería de Edu Sousa. Era a primeira chegada do Fabril.

Urxía a reacción, pero os granates estaban demasiado espesos e eran incapaces de dar máis de cinco pases seguidos, sucumbindo á alta presión do filial coruñés, que a pesar de quedar aínda máis dunha hora de xogo, xa tiña o encontro onde quería e aproveitaba para rabuñar algúns segundos cada vez que era posible.

Pero o guion cambiou pasada a media hora. O Pontevedra buscou a reacción cun disparo de Garay desde a frontal que se foi alto, e na seguinte xogada non fallou. Longa combinación e centro Bastos desde a dereita, o rexeite despexouno un defensor a banda contraria e Chiqui recolleuno para poñelo de forma precisa no punto de penalti, onde estaba Álex González para facer o empate.

Non desesperaron os locais e tamén acertaron na seguinte chegada. Sen tempo para dixerir o primeiro gol, Bastos tentou combinar con Samu Mayo, Barba rexeitou o pase con tan mala sorte que habilitou a Rufo, que desde dentro da área só tivo que empuxala para subir o 2-1 ao marcador.

Baixaron o ritmo os xogadores de Yago Iglesias despois do paso polos vestiarios e non foi ata o minuto 55 cando se produciu a primeira ocasión do segundo tempo. Centro desde a esquerda de Chiqui e bo remate de cabeza de Bastos que se foi fóra por moi pouco.

E tras uns minutos de asedio do Fabril en área granate nos que Edu non tivo que intervir, o Pontevedra tivo unha dobre ocasión coa que puido facer 3-1, pero Dalisson non estivo acertado na primeira e o seu disparo foise alto, e tampouco Garay, porque o seu tiro entre os tres paus despexouno Ríos de puños.

Moveu ficha Yago Iglesias e entraron Toño e Zabaleta en lugar de Bastos e Dalisson. Chiqui moveuse á banda dereita, Toño posicionouse en liña con Yelko, e Zabaleta por diante de Álex na esquerda.

Mentres tanto, o Deportivo continuaba xerando perigo en portería local e esta vez si obrigaba a Edu a intervir despois dun bo chute de Mati Castillo que facía tremer á parroquia granate.

Pero o Pontevedra necesitaba sentenciar dunha vez por todas para ser líder da categoría. Iglesias pasou a Álex por diante de Zabaleta para poñer toda a carne no asador e por fin sentenciar.

Chiqui puido facelo tras un bo centro de Toño, pero o seu disparo deu no poste. Más acertado estivo o capitán minutos despois. Un descoido defensivo entre Ríos e Pereira acabou co balón rebotando no corpo de Álex, que viu a portería baleira e só tivo que empuxala para subir o 3-1.

O público toleou, o triunfo e o liderado estaba case no peto. Pero o Pontevedra, non conforme co resultado, volveu golpear e tres minutos despois Álex González regalou o balón a Rufo para que fixese o 4-1 definitivo que permite aos de Pasarón irse ao parón do Nadal como líderes de grupo.

Cabe destacar a entrada de Barbeiro no minuto 80, que xa recuperado da súa lesión disputou os seus primeiros minutos como granate en liga.

PONTEVEDRA CF (4): Edu Sousa, Bastos (Toño, min. 67), Churre, Mario Gómez, Álex González, Rufo (Charly, min. 88), Yelko (Barbeiro, min. 80), Chiqui (Borja Domínguez, min. 80), Samu Mayo, Dalisson (Zabaleta, min. 67) e Garay.

RC DEPORTIVO FABRIL (1): Ríos, Lacheure (Ayman, min. 81), Pereira (Carreira, min. 89), Brais, Najera, Jairo, Barba (Iñaki, min. 81), Marotias, Vilán (Jantamara, min. 68), Jano e Mati Castillo (Mardones, min. 89).

Goles: 0-1, Nájera, min. 16. 1-1, Álex González, min. 37. 2-1, Rufo, min. 40. 3-1,  Álex González, min. 84. 4-1, min. 87, Rufo.

Árbitro: Hugo Alonso Luiña, auxiliado nas bandas por Javier Martínez González e Guillermo Iglesias Alcantarilla (Asturias). Amoestou a Edu Sousa (76') no Pontevedra e a Ríos (31') e Barba (79') no Fabril.

Incidencias: Partido da xornada 16 de liga en Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra ante 2.581 espectadores.